CA-CO-FLEX é un proxecto de artes escénicas que trata a temática do acceso á vivenda nas vilas e cidades de Galicia na actualidade, e particularmente as dificultades para independizarse e vivir con autonomía que sofre a denominada “xeración millenial”. A precariedade laboral e a carestía dos alugueres fan que persoas que superan a trintena se vexan obrigadas a compartir pisos pequenos e a contemplar opcións con denominacións eufemísticas como “co-living” ou “flex-working”.
O venres 22 de novembro ás 18.00 horas presentarán un avance da peza, que desenvolveron no marco das Axudas REGA á creación artística impulsadas pola Cidade da Cultura. A entrada é de balde con reserva previa a través da web.

CA-CO-FLEX propón unha reflexión sobre esta cuestión de carácter social a través dunha investigación que constrúe espazos escénicos arquitectónicos a partir do cartón como material e como elemento poético.
O equipo que desenvolve o proxecto está formado por Isabel Fernández no apartado de creación e dirección, a artesá Julia Marín no deseño do espazo escénico, e as actrices e actores novos (e tamén creadores) Ziggi Iglesias, Alixa Ladson, Mateo Rodríguez, Lúa Pagán e Hugo González. A proposta inclúe unha mostra do traballo realizado que lles achegará visibilidade como equipo, ademais de abrir un debate público arredor da temática que denuncian.
Se queres saber un pouco máis le a entrada sobre CA-CO-FLEX no noso blog



