Se andades á procura de actividades estimulantes e divertidas para que a vosa cativada goce nas mañás do verán, enroládeos no campamento urbano das Pioneiras! Nel converteranse en biógrafos e reporteiros que investigarán sobre as mulleres que marcaron unha diferenza na historia en diferentes ámbitos profesionais: desde a arte, a literatura, a ciencia, a exploración, a música, a loita polos dereitos ata as carreiras de coches!
Xincanas, xogos, escritura creativa, papiroflexia, creación artística... o campamento das Pioneiras está cheo de actividades coas que aproveitar o verán no Gaiás para aprender xogando. O campamento desenvolverase do 26 de xuño ao 7 de xullo e do 28 de agosto ao 8 de setembro de 2023. Organízase en quendas semanais e en dous grupos de idade:
- De 4 a 8 anos [reserva praza AQUÍ]
- De 9 a 14 anos [reserva praza AQUÍ]
As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10 a 15 horas, de luns a venres, e haberá tamén un servizo madruga, baixo demanda, desde as oito da mañá. Para facer uso deste servizo é necesario solicitalo enviando un correo a actividades@cidadedacultura.org.
Pódese reservar praza para cada quenda semanal a través de Ataquilla, a un prezo de 30€ por semana para cada neno ou nena participante. Non quedes sen a túa!
Importante
- As nenas e nenos participantes deberán traer unha pequena merenda para media mañá e unha botella de auga (cantimplora) que se poida reencher. O petisco do almorzo do servizo madruga está incluído.
- Recomendamos traer roupa cómoda e entregar unha bolsa cunha muda para poder empregar en caso de necesidade. Esta muda quedará nas instalacións e só será necesario repoñela en caso de que empregala.
- Durante o campamento, poderán facerse actividades que impliquen mollarse en caso de calor ou manchar a roupa. Na bolsa coa muda recoméndase incluír unha toalla, chancletas, roupa de reposto e roupa de baño.
- Para as actividades exteriores recoméndase calzado pechado (evitar chancletas), gorra e crema solar.
Corresponsables no Gaiás
A Cidade da Cultura está a consolidarse como un espazo cultural de referencia para todas as idades, incluíndo non só unha programación específica para gozar en familia, senón tamén un eixe estratéxico prioritario pensado para favorecer a conciliación cando as nais e pais máis o necesitan, isto é, nas vacacións dos centros educativos.
O campamento urbano das Pioneiras afonda nesta liña de traballo ofrecendo actividades que atenden a conciliación dun xeito transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre mulleres e homes. A actividade forma parte do Plan Corresponsables.
