Pequefilmes 2023 | Obradoiros de animación 'go motion'

Pequefilmes recupera nesta edición de 2023 os obradoiros de cinema para a cativada cunha actividade na que aprenderán en que consiste a técnica de animación 'go motion' e o fenómeno da persistencia retiniana, xerme do cinema, a través da rodaxe dunha historia realizada foto a foto na que as pequenas e pequenos serán os protagonistas.

Os obradoiros están dirixidos a nenas e nenos a partir de 5 anos de idade, que deberán estar acompañados dunha persoa adulta responsable. Haberá 4 sesións o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro, distribuídas en dous obradoiros de mañá (11.30 e 13.00 horas) e dous de tarde (16.30 e 18.00 horas) dunha hora de duración cada un.

Cada sesión contempla una breve introdución teórica e a gravación de material, atendendo ás diferenzas entre as distintas frecuencias de fotogramas. Estas darán lugar á montaxe dunha pequena peza audiovisual empregando a técnica 'go motion'.

Para participar é necesario retirar unha entrada (3€ + gastos de xestión) que inclúe tanto á nena/neno participante no obradoiro como a unha persoa adulta acompañante. As entradas poden adquirise de maneira anticipada a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, ou na billeteira da Biblioteca de Galicia no mesmo día de cada sesión.

Marcos Nine é o encargado de impartir os obradoiros de Pequefilmes 2023. Responsable de títulos como Radiografía dun autor de tebeos, conta con máis de 20 anos de experiencia como cineasta e guionista, ademais de ser o director artístico do festival de cinema infantil Cinema Crianza e programador da sección infantil da Mostra de Cinema Etnográfico MICE Petís. 

Mercar entrada obradoiros