A Biblioteca de Galicia é a anfitriona desta Xornada que se vai desenvolver ao longo de dous días no Auditorio Neira Vilas, no Gaiás, na que estarán presentes representantes da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura e Deporte, ademais de responsables dos sistemas centrais de bibliotecas das comunidades autónomas do Estado. Así, os asistentes poderán coñecer da súa man como é a situación en cada territorio no que ten que ver coa organización e xestión das tarefas que habitualmente se lle asignan a unha biblioteca autonómica ou rexional.
Os participantes poderán achegarse a institucións semellantes á Biblioteca de Galicia, como a Biblioteca de Catalunya, a Biblioteca Regional de Madrid Joaquín Leguina ou a Biblioteca de Andalucía, pero tamén a modelos como os de Euskadi, que non conta con ningunha institución que se poida considerar biblioteca autonómica ou biblioteca central doseu sistema. Estarán tamén as bibliotecas autonómicas que exercen funcións de biblioteca pública, como a Biblioteca de Castela e León, que é súa vez a Biblioteca Pública do Estado en Valladolid, ou a Biblioteca Central de Cantabria que integra a Biblioteca Pública do Estado en Santander.
En total poderase coñecer o modelo que se segue en 16 comunidades, ademais do da cidade autónoma de Ceuta, na xestión de funcións como a recuperación, identificación e conservación do patrimonio bibliográfico, o impulso de proxectos de dixitalización ou o depósito legal.
- Público: xornada deseñada para as e os profesionais das institucións da memoria de Galicia, pero aberta para calquera persoa interesada.
- Obxectivo: mellorar a formación e dar a coñecer outras realidades bibliotecarias