O Outono no Gaiás tráenos tres actividades para gozar do tempo compartido en familia: creatividade, natureza, arte e música, adobiados con moita diversión, serán os ingredientes deste programa para unhas tardes de sábado coa rapazada como grande protagonista. Andainas polos espazos verdes do monte, recolleita de elementos naturais cos que traballar pezas artísticas efémeras, obradoiros para descubrir as posibilidades creativas da luz, as formas, as cores e as texturas, música e poesía visual da man de Trilitrate e Montse Piñeiro ou a percusión divertida e contaxiosa de Crassh Dúo Circus compoñen unha programación que non vas querer perder.
Bule a coller entrada antes de que se esgoten!!
IMPORTANTE: A cativada deberá estar acompañada por algunha persoa adulta responsable, que tamén participará activamente das actividades. Cada entrada dará acceso a 1 neno/a e unha persoa adulta acompañante. Se vés en grupo, deberás coller unha entrada por cada neno ou nena asistente.
8 OUT | 16.30 h | Camiñar, crear musicar [ENTRADA]
![]() |
|
Un novo xeito de mirar o que nos rodea, observar a vexetación, recoller plantas e flores e tomar fotografías do que se vai atopando no camiño que servirá como material sobre o que explorar a creatividade visual da rapazada nun obradoiro impartido pola artista multimedia Montse Piñeiro. As familias participantes crearán, con mesas de luz, colaxes translúcidas cos materiais que apañasen na andaina. A tarde rematará cun concerto do grupo Trilitrate no que a creación visual ao vivo, a partir destas colaxes, formará parte da propia experiencia musical.
29 OUT | 16.30 h | Terra de arte [ENTRADA]
![]() |
|
Terra de Arte é un obradoiro de creación que procura favorecer o xogo simbólico e libre na natureza a partir da reivindicación desta como lugar propicio para a expresión artística. A partir da aproximación teórica ao Land Art, unha corrente de arte contemporánea que aglutina formas moi diversas de traballar e experimentar coa natureza, crearanse pezas artísticas e efémeras mediante o xogo coas texturas e as cores presentes nos elementos naturais (follas, pedras, paus..). Estes materiais de traballo colleitaranse nunha pequena ruta previa polas zonas verdes da Cidade da Cultura.
19 NOV | 16.30 h | Crassh Dúo Circus - We Tum Tum [ENTRADA]
![]() |
|
Percursión, movemento e comedia visual son os ingredientes deste espectáculo para dúas personaxes que, dun xeito intimista e acolledor, traballa os sons a través dunha enerxía moi contaxiosa. Empregando dende tubos de pvc a todo tipo de obxectos cotiáns, Crassh Dúo Circus aguilloa os sentidos dos máis pequenos e pequenas e proporciona experiencias únicas entre as diferentes persoas integrantes das familias, facéndoas partícipes directas desta produción sonora, consistente nun espectáculo seguido dun pequeno obradoiro musical a todo ritmo!



