Con motivo da conmemoración do Día das Artes Galegas, a Biblioteca de Galicia organiza o vindeiro 9 de abril un obradoiro arredor da figura de Xosé Otero Abeledo -Laxeiro-, artista homenaxeado este ano 2022.
Esta actividade ten como obxectivo dar a coñecer entre o público máis novo un nome decisivo para a arte galega do s. XX. Da man do pintor Borja Guerrero, Lenzo en negro achéganos dun xeito lúdico ao legado artístico dunha figura emblemática.
Os participantes neste obradoiro entrarán en contacto coa obra de Laxeiro, pasando polas distintas etapas do creador e coñecendo os seus referentes así como a súa técnica pictórica. Tras empaparse dos seus trazos e das súas formas e modelos, a rapazada asistente dará forma a un cadro con personalidade propia. A modo de recordo entregarase ademais unha caixa con quebracabezas de obras de Laxeiro.
