Obradoiro de Novela Cidade da Cultura

Escribir é arte e tamén oficio. Require de vontade e de talento, pero tamén de ferramentas que poden ser aprendidas. Enfrontarse á páxina en branco –ou hoxe en día máis ben á pantalla– énchenos de preguntas: como creo personaxes interesantes? Desde que punto de vista conto a miña historia? Estou sendo artificioso nos diálogos? Aburrirei ao lector? Que fago coa novela cando estea rematada?

No Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura aprenderás a dar resposta a todas estas cuestións da man de escritores e escritoras galegas de éxito e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que brindará a súa experiencia no mundo da edición.

O obradoiro estrutúrase en dúas partes, unha teórica e outra práctica. A parte teórica consistirá en 9 clases maxistrais que terán lugar os venres entre o 1 de marzo e o 3 de maio de 17:00 a 19:30 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia. Cada unha porá o foco nun aspecto concreto da creación literaria e será impartida por autores e autoras especialistas no tema.

1. Introdución ao curso. Empezar unha novela.
[1 MARZO]

Imparte: Javier Peña. Escritor e xornalista. En 2019 Blackie Books publicará a súa primeira novela, Los Infelices. 16 anos de experiencia en Prensa e Gabinetes de Comunicación.

 Javier Peña

2. O punto de vista narrativo
[8 MARZO]

Imparte: Manuel Gago. Autor das novelas O anxo negro e O exército de fume. Director da web do Consello da Cultura Galega. Editor de Capítulo Cero, blog de referencia en Galicia. Profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

 Manuel Gago

3. Personaxes e diálogos
[15 MARZO]

Imparte: Antón Riveiro Coello. Autor de obras como Á sombras dos bonsais, A ferida do vento, Os elefantes de Sokúrov, Laura no deserto, Casas baratas ou As rulas de Bakunin. Premio da Crítica Española. Gañador en dúas ocasións do Premio García Barrios. Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa.

 Antón Riveiro Coello

4. O estilo
[22 MARZO]

Imparte: Arantza Portabales. Autora do libro de microrrelatos A Celeste la compré en un rastrillo, e das novelas Sobrevivindo, coa que gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, e Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Esta última novela foi traducida ao castelán, italiano, alemán e hebreo.

 Arantza Portabales

5. Estrutura e tempos da novela
[29 MARZO]

Imparte: Xabier Quiroga. Autor de obras como Izan o da saca, Zapatillas rotas ou O cabo do mundo. A súa novela La casa del nazi converteuse nun bestseller con Ediciones B. Premio San Clemente e Premios Losada Diéguez. Dúas veces Premio da Crítica de Narrativa Galega. Elixido pola Xunta para representar a Galicia na Feria del Libro de Buenos Aires 2018.

 Xabier Quiroga

6. Os xéneros
[5 ABRIL]

Imparte: Miguel Anxo Fernández. Escritor. Autor das sete novelas da saga do detective Frank Soutelo, e de obras como Blues para Moraima ou O espido de Gina. Premio Blanco Amor. Premio García Barros. Premio da Cultura Galega de Creación Audiovisual da Xunta de Galicia.

 Miguel Anxo Fernández

7. A corrección da novela
[12 ABRIL]

Imparte: Diego Giráldez. Autor do libro de relatos Galería de Saldos. Nomeado autor galego do ano pola revista Fervenzas Literarias por esta mesma obra. Como xornalista colaborou en El País, A Nosa Terra e Xornal de Galicia. Na actualidade colabora con Praza Pública e Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine.

 Diego Giráldez

8. O mundo editorial
[26 ABRIL]

Imparte: Lourdes Díaz. Fundadora e directora da Axencia Literaria Rolling Words. Ten máis de vinte anos de experiencia no mundo da edición e foi editora executiva nos selos Booket e Austral do Grupo Planeta.

 Lourdes Díaz

9. O mercado do libro
[3 MAIO]

Imparte: Siscu Pérez. Consultor editorial con 20 anos de experiencia no sector do libro. Foi director comercial e de marketing en Publicaçoes Dom Quixote, director editorial da área de peto no Grupo Planeta e director comercial e de marketing na Casa del Libro. Con Austral acadou o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial en 2017.

 Siscu Pérez

 

Na parte práctica terás, por suposto, que escribir a túa novela, ou polo menos as primeiras 40 ou 50 páxinas. O día 7 de xuño volveremos xuntarnos para poñer en común e corrixir os traballos.

Durante todo o obradoiro terás acceso a titorías co profesorado e disporás dun correo electrónico no que consultar dúbidas ou ampliar coñecementos.

Ademais de adquirir as habilidades e recursos para levar adiante os teus propios proxectos literarios, participando no Obradoiro de Novela Cidade da Cultura acadarás contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, terás a oportunidade de ingresar na nómina de autores e autoras representados pola axencia Rolling Words.

A matrícula xa está aberta a través de ataquilla.com. Dálle forma ao teu talento literario da man de escritores e escritoras galegas de éxito na Cidade da Cultura!