Xa se achega o entroido! Para prepararse para unha das festas máis divertidas do ano, a Biblioteca de Galicia propón un obradoiro de elaboración de máscaras no que a cativada poderá dar renda solta á súa creatividade empregando materiais e técnicas accesibles e sostibles.
A actividade convida a crear unha máscara única ao tempo que se reflexiona sobre o entroido como un período de desfrute, respecto e celebración colectiva. Dun xeito lúdico, participativo e divertido, o obradoiro achega ás persoas participantes ao entroido tradicional galego e tamén a outras manifestacións de distintos lugares do mundo.
Unha proposta pensada para achegar aos máis cativos ás expresións máis populares e menos coñecidas desta festividade, fuxindo dos estereotipos e da estandarización desta celebración, e poñendo en valor a diversidade do noso patrimonio cultural.









