O patrimonio cultural dixital en Galicia | Xornada técnica da Biblioteca de Galicia

O venres 16 de decembro, en horario de 9 a 15 h, terá lugar unha nova xornada técnica na Biblioteca de Galicia. Como cada ano organízase este encontro para analizar e debater algún dos temas transversais vencellados ás institucións da memoria da nosa comunidade autónoma. Nesta nova edición será a dixitalización do patrimonio cultural galego a protagonista da xornada.

Galicia é unhas das comunidades autónomas que máis está apostando polos procesos de dixitalización do noso acervo cultural. Xa desde os anos noventa, cos primeiros proxectos de dixitalización levados a cabo sobre material bibliográfico, valorouse a conveniencia de poñer a disposición de toda a cidadanía o noso patrimonio cultural dun xeito inmediato, aberto e universal, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

15 anos de proxectos de dixitalización

No ano 2008 púxose en marcha Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, proxecto pioneiro de dixitalización do patrimonio bibliográfico, que se adaptaba a todas as normas e directrices que se propoñían neses anos desde Europa para poñer en marcha traballos de dixitalización perdurables no tempo e interoperables. Seguindo a estela da Biblioteca Dixital configurouse anos máis tarde o Arquivo Dixital de Galicia, repositorio que dá acceso ao patrimonio arquivístico da nosa comunidade. Paralelamente outras institucións, como a Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Penzol, ou a Real Academia Galega poñían en marcha os seus propios repositorios ou levaban a cabo proxectos de dixitalización que pasaban a enriquecer os fondos tanto de Galiciana-Biblioteca Dixital como de Arquivo Dixital.

Dez anos máis tarde, no 2018, a Xunta de Galicia iniciou a construción da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa para crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC, coa misión de garantir a súa preservación, difusión e a accesibilidade desde calquera lugar do mundo. O seu obxectivo é consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia, custodiado e albergado nos servidores de Amtega, e para o que se emprega como ferramentas o agregador Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia e o repositorio de preservación da Memoria Dixital de Galicia.

Relatores e programa

A Biblioteca de Galicia organiza esta nova xornada para dar a coñecer, analizar e reflexionar estes case 15 anos de proxectos de dixitalización nos que é incuestionable que se enriqueceu e facilitou o acceso ao patrimonio cultural dixital galego pero que tamén implicou unha especialización técnica que precisa de certa formación en habilidades tecnolóxicas, tanto para os usuarios e usuarias como para os profesionais das institucións da memoria.

Nesta sesión non podía deixar de estar presente un relatorio sobre os proxectos de Hispana e Europeana, así como as iniciativas que se están levando a cabo nas universidades galegas.

Na xornada estará presente o persoal técnico responsable dos tres proxectos vencellados con Galiciana, Biblioteca, Arquivo e Patrimonio Dixital, así como representantes dalgunhas das institucións culturais galegas que destacan polo seu compromiso coa dixitalización dos seus fondos patrimoniais: Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega, Fundación Barrié, Biblioteca de Estudos Locais da Coruña e Ateneo Ferrolán. O programa completo da xornada pode consultarse AQUÍ.

Aínda que a xornada está fundamentalmente deseñada para as e os profesionais das institucións da memoria de Galicia, co obxectivo de mellorar a súa formación, a inscrición é libre e gratuíta para calquera persoa interesada a través da páxina web da Cidade da Cultura.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada