O Nadal ao redor do mundo

Unha ilustración que irá medrando cada día levaranos a percorrer o Nadal por diferentes cidades do globo. Serán as familias que se acheguen ao Gaiás os días 15, 16 e 22 de decembro as que completen esta viaxe ilustrada, en tres obradoiros para nenos e nenas de 5 a 10 anos nos que traballarán a cor sobre o debuxo inicial que elaborará o artista vigués Federico Fernández.

Ademais, poderemos coñecer a través dunha instalación fotográfica as diferentes festas da luz que se celebran ao redor do mundo nestas datas, como a 'Fête des Lumières' de Lyon (Francia), a 'Noche de las Velitas' de Colombia, a 'Luminasia' de Monterrey (México) ou a 'Procesión de Lucía' (Suecia).