A Biblioteca de Galicia homenaxe a Xosé María Díaz Castro a través de Nimbos, recital poético-musical co Grupo Ouriol con poemas do autor lucense, unha poesía sentida e lúcida que enraíza no ser máis sutil do ser humano e que expresa asemade unha fonda preocupación polo espertar dunha conciencia colectiva.
O Grupo Ouriol, formado polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares xunto á poeta e comunicadora Eva Veiga, conxugarán en directo música e poesía, provocando no público unha experiencia estética integral. Será a través de Nimbos, un espectáculo no que o Grupo Ouriol realiza un escolla significativa dos poemas do único libro publicado por Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Unha obra considerada xa un clásico da nosa literatura, na que o poeta lucense achega unha visión orixinal da terra, do amor ou da beleza en versos escritos con rigor e a paixón de quen esculpe habelenciosamente no aire un monumento ao ser fuxidío da vida. Poemas cheos de fonda espiritualidade e unha sentida preocupación por Galicia como país que ha de rebelarse contra o seu destino de sumisión e atraso e ao redor dos que o Grupo Ouriol creará unha atmosfera única coa que actores e público vibren nunha común respiración.
