Para conmemorar o Día das Artes Galegas, que este ano se dedica a Maruja Mallo, a Biblioteca de Galicia pon en marcha tres obradoiros para que os máis pequenos se acheguen ao talento da artista galega.
Nesta primeira actividade, preténdese facer un achegamento á obra Naturezas vivas de Maruja Mallo. A actividade comezará coa presentación da figura e obras máis relevantes da artista, facendo especial fincapé na serie de Naturezas vivas. A partir de aquí os rapaces e rapazas crearán as súas propias propostas plásticas, contando con espazos baleiros que terán que encher utilizando a correspondencia simétrica axeitada. Aínda que poida semellar que os conceptos son complexos, a idea é achegar a xeometría coma un xogo para experimentar as inquedanzas e singulares procesos creativos de Maruja Mallo.
