A música e o Camiño: a gaita | Concerto didáctico en liña de Rosa Sánchez & Pablo Carpintero

Os camiños comunican dous lugares e teñen sempre un dobre senso: levan e traen. Esta é a máxima que rexe o concerto A música e o Camiño: a gaita, que procura achegar ao público a influencia nas nosas músicas do Camiño de Santiago, ruta de peregrinación de extraordinaria viveza cultural. A través dun percorrido didáctico e musical, Pablo Carpintero e Rosa Sánchez propóñennos unha viaxe polas principais rutas xacobeas a través dos distintos tipos de gaitas de fol, interpretando repertorios propios de cada zona e empregando a dixitación e xeitos característicos.

As gaitas de fol acadaron un enorme desenvolvemento no noroeste da Península Ibérica arredor do século XIII, como se pode ver nas diversas e abundantes iconografías destes instrumentos que datan desta época e entre as que destaca a iluminación da Cantiga 350 das Cantigas de Santa María, onde vemos a gaita máis complexa representada naquela época en Europa. Partindo dunha reprodución desta gaita, seguiremos as diferentes rutas xacobeas que nos levarán cara a Portugal e cara ao occidente europeo, seguindo o mesmo camiño que puido levar ás gaitas do noroeste peninsular a espallarse polo continente, a través do Camiño de Santiago no momento histórico do seu máximo apoxeo.

Sen movernos das nosas casas, o talento destes dous grandes músicos permitiranos albiscar paisaxes abertas, como a Terra chá, Sanabria ou o planalto Mirandés, acompañados de sons graves, de pezas longas e grandes palletas, con tambores de grande diámetro e xeitos de tocar moi sobrios. Mergullarémonos tamén en paisaxes pechadas, nos vales entre outas montañas, como as zonas Eo-naviegas ou asturianas, onde xorden gaitas agudas, con pezas curtas e pequenísimas palletas, con escalas que chegan tan arriba como as súas montañas e tambores de escaso diámetro para interpretar músicas tan floridas en detalles como ricos en referencias son estas paisaxes montañosas.

Rosa Sánchez & Pablo Carpintero

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero son músicos e artesáns. Xuntos levan trinta anos percorrendo os lugares da Península Ibérica e Baleares onde está presente a gaita de fol, entrevistando e gravando o repertorio de mulleres e homes. Así coleccionaron máis de 700 horas de gravacións de campo que conteñen o maior arquivo peninsular de gravacións de gaiteiros (165 repertorios gravados). Tamén rexistraron máis de 300 gaitas de fol antigas e replicaron moitas delas, xuntando a maior colección de orixinais e réplicas da península. Estudaron e reproduciron ademais moitos instrumentos musicais empregados tradicionalmente polas mulleres.