Matinais Musicais | Multiplensemble

O colectivo vigués Multiplensemble presenta no Gaiás, no marco do ciclo Matinais Musicais, unha proposta de vangarda na que experimentan cos sons, abordando novas linguaxes sonoras.

A performance musical que porán en escena na Cidade da Cultura está protagonizada por:

  • Rafael Yebra, saxofóns.
  • Brenda Vidal, piano.
  • David Rodríguez, percusión

Os compoñentes de Multiplensemble conta cunha ampla experiencia no eido da interpretación e a docencia e con proxectos presentados en países como Alemaña, Francia, Italia, Portugal, Grecia, Bélxica, ou Austria, pretenden dinamizar un itinerario no que a arte do presente cohabita en múltiples contextos.

O programa Perspectivas aglutina unha serie de pezas musicais para introducirnos no mundo da música actual a través dun itinerario polos continentes europeo, asiático e americano no que o ritmo e a melodía caracterizan cada unha das propostas, todas elas composicións escritas no presente século. A diversidade, eclecticismo e variedade argumental coa que algúns destes autores nos acercan ao mundo sonoro invita a unha viaxe na que desfrutar da música como a arte dos sons sen máis. 

Programa

I Alex Mincek (EEUU, 1975) -  Nucleus (2007) / saxofón tenor, batería

Estruturada a partir de loops próximos á música electrónica, combina modelos rítmico melódicos que nos conducen entre a repetición mecánica e a continuidade sinuosa

II Toshio Hosokawa (Xapón, 1955) - Arc Song II. Für Walter (2010) / saxofón soprano, piano, percusión.

Ao estilo dunha canción popular xaponesa semella un pincel de caligrafía que tenta debuxar un arco a través do son mentres apuntas a algo eterno. Unha homenaxe a todos aqueles que escoitan con atención a música contemporánea.

III Eduardo Soutullo (España, 1968) - Have you said “Spectral”? (2007) / piano

Na obra de Soutullo poderemos escoitar un neo-modalismo que o  autor se resiste a prescindir, vixente en tódalas culturas musicais da historia, tamén na música contemporánea española.

IV Helmut Lachenmann (Alemaña, 1935) - Sakura-Variationen (2000) / saxofón alto, piano, percusión

O tono exótico da canción popular e infantil xaponesa alegre-triste Sakura, evoca a beleza pura e inevitable da fugacidade, simbolizada coa flor da cerdeira. As súas raíces están incrustadas no mundo dos sons que nos son familiares.

V Yair Klartag (Israel, 1985) - Fragments of Profound Boredom (2012) / saxofón soprano/ barítono, piano, percusión.

Experimentación cun dos estados emocionais máis influíntes e vividos polas persoas no mundo occidental, o aburrimento. 

 
Música & Escena
 
3 out 2026
De 17:00h a 22:30