A Cidade da Cultura continúa neste 2022 co seu ciclo Matinais Musicais para as mañás da fin de semana. Despois da programación de outono achega nestes meses de inverno tres propostas para gozar de creacións con estilos tan diversos como orixinais.
Na mañá do sábado 5 de febreiro contaremos coa colaboración de Leticia Rey, cantautora galega encargada de abrir este ciclo.
Leticia Rey, natural da localidade pontevedresa de Vila de Cruces, comezou a ter visibilidade no eido musical ao gañar en 2020 o certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia. No ano seguinte comezou a compaxinar as actuacións en directo coa preparación do seu primeiro EP, que foi estreado no Culturgal 2021 con tres temas en inglés e un en castelán. Durante o ano pasado a súa música tamén puido escoitarse en varios festivais como Sinsal’21, Momumenta’21 ou Secret Concerts, ademais de ter a oportunidade de poder presentalo na Praza de María Pita na Coruña o pasado mes de decembro.
A Leticia Rey acompáñana na actualidade Iago Mouriño ao piano e teclados, recoñecido pola súa calidade no mundo do jazz, o multiinstrumentalista Jorge Quesada e Óscar Quintáns na batería.
Para o vindeiro mes de marzo está previsto o lanzamento da súa primeira canción en galego, titulada “Baleiro”, coa voz de Leticia e Iago Mouriño ao piano.
A paixón de Leticia Rey por expresar a través da música comezou moito antes destes últimos dous anos. Xa con 11 anos comezou os seus estudos musicais a nivel instrumental para profundizar aos 16 no canto co Mestre Fernando Balboa. O seu crecemento interior, e tras versionar temas doutros artistas dos que capta a súa esencia, lévana por un camiño propio no que se move entre o mundo dos soños e o mundo que chamamos real, melodías inspiradoras dende un plano espiritual e sons persoais e etéreos, con toques jazz, folk e indie, que deleitan para encher de paz e conectar con quen a escoita.

Presentación Ep Leticia Rey 2021
June
Once Again
Tal Vez
Orange Light
Sway
Sneaky, Delicious
Run for my life
Waning Moon
Through the wind
Música e letra de todas as cancións: Leticia Rey


