Matinais clásicas | Nuria Lorenzo & Alejo Amoedo

Para o primeiro dos concertos do ciclo das Matinais clásicas na Cidade da Cultura contaremos cunha das principais mezzosopranos galegas, a viguesa Nuria Lorenzo. Acompañada polo recoñecido pianista Alejo Amoedo, traerá ao Museo Centro Gaiás na mañá do sábado 27 de xuño un recital, composto principalmente por canción galega, cun programa que inclúe desde o Miña Nai  de Cambeiro ao inesquecible Negra Sombra de Juan Montes ou a Romanza "La Encarna" de Reveriano Soutullo e Juan Vert.

PROGRAMA

  • Juan Montes: Negra Sombra (Sobre poema de Rosalía de Castro)
  • Carlos Cambeiro: Miña nai, miña velliña (Sobre texto de Manoel Cambeiro)
  • Antón García Abril: Catro cancións sobre textos galegos para canto e piano

I. Cuando vos oyo tocar (Sobre poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro)
II. Todo e silencio (Sobre poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro)
III. As de cantar, meniña gaiteira (Sobre poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro)
IV. Coita (Sobre poema de Alberto de las Casas)

  • Xavier Montsalvatge: Nana Dormiti mi nengre (Sobre poema de Emilio Ballagas)
  • Miguel Ortega: Romance de la luna, luna (Sobre poema de García Lorca)
  • Manuel Fernández Caballero: El dúo de la africana. Romanza Yo he nacido muy chiquitita
  • Federico Chueca e Joaquín Valverde: El año pasado por agua. Romanza Oiga usted caballero
  • Reveriano Soutullo e Juan Vert: El último romántico. Romanza La Encarna

Descarga aquí o programa do concerto de Nuria Lorenzo & Alejo Amoedo.

NURIA LORENZO

Nacida en Vigo, comeza os seus estudos de música e canto na “Schola Cantorum Santa Cecilia”, continuando no Conservatorio Superior de Música da cidade, onde se licencia en canto, compaxinando estes estudos coas clases maxistrais da mezzosoprano Helga Mueller Mollinari en Verona. Ten gravado un CD titulado Lembrándote, onde interpreta obras de todos os estilos: zarzuela, ópera, lied, etc.

No apartado de Oratorio e música de Cámara ten cantado tanto repertorio de contralto como de mezzo. Debutó co “Stabat Mater” de Pergolesi e ten cantado “Réquiem” de Mozart, “Gloria” de Vivaldi, “Magnificat” e “Pasión según San Mateo” de Bach, “Pequeña Misa” de Rossini ou "Oda a la Reina Ana" de Haendel. No apartado de Opera e Zarzuela participa en varios dos festivais máis importantes do país como Bilbao (ABAO), Festival Peralada en Girona, Teatro El Liceo de Barcelona, Teatro Arriaga en Bilbao, Palau de la Música de Valencia, ou Teatro de la Zarzuela de Madrid.

Diálogos 90 premiouna coa Medalla Galega Destacada 2014 en recoñecemento á súa traxectoria profesional como cantante lírica. Gañadora do 2º premio nacional de España no concurso J.J.M.M , 1º premio de Galicia no concurso Música Xove, 1º premio á Excelencia Musical na Coruña e 1º premio á Interpretación Musical en Vigo.

 

ALEJO AMOEDO

Especializado no repertorio de compositores galegos, realiza estudos de acompañamento vocal en Madrid co lexendario pianista Miguel Zanetti. Alejo é Doutor pola Universitat Politècnica de Valencia. A súa ampla traxectoria no eido da música de cámara, levouno á realización de numerosos recitais nos que destaca a estrea de obras de Rogelio Groba, Carlos López García-Picos, Juan Durán, Luís Carro, Juan Eiras, Antonio Paz Valverde, Eligio Vila, Carlos Cambeiro, Margarita Viso, Miguel Brotóns, entre outros.

Dos seus traballos discográficos destacan entre outros o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (Ouvirmos, 2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva; os realizados co trompetista Rubén Simeó, Virtuosimo Barroco (2011), Fantasy Trumpet (2012) e Trumpet Comtemporary (2013), producidos en Portugal por Jose Lourenço; ou o máis recente Cantos á natureza (Fervenzas, 2018), coa soprano Susana de Lorenzo e o tenor Cesáreo Torres, con textos póstumos de Neira Vilas e musicado polos compositores, Juan Durán, Margarita Viso, María Mendoza, Xabier Comesanha e Paulino Pereiro.

Foi pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo, así como na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo de Porto (Portugal) e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo e é membro da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.