Matinais clásicas | M. Sancho Quartet

O ciclo Matinais clásicas, que cada sábado neste comezo do verán inunda de música clásica o Museo Centro Gaiás, continúa a súa andaina o 4 de xullo coa agrupación M. Sancho Quartet, fundado en 2015 pola clarinetista Marta Sancho Andrés. Co obxectivo de explorar a música de cámara composta para clarinete e trío de cordas nas diferentes épocas da historia da música, o seu repertorio abrangue dende o clasicismo á actualidade, chegando incluso a realizar varias estreas absolutas de música actual. Nesta ocasión, interpretarán obras de finais do século XVIII e principios do XIX, e a formación estará composta por Marta Sancho (Clarinete), Anca Smeu (Violín), Timur Sadykov (Viola) e Alejandra Díaz (Cello)

PROGRAMA

  • Mozart – Cuarteto nº1 en Sib M, op. 79 kv.317d
    • Allegro moderato
    • Andante sostenuto
    • Rondó
  • Schubert - Trío para cordas en Si b M, nº1 D.471
    • Allegro
  • Crusell - Cuarteto nº1, op. 2 en Mib M
    • Poco adagio y allegro 
    • Romanze 
    • Menuetto 
    • Rondó

 

M. SANCHO QUARTET

Marta Sancho (clarinete)

Catedrática de clarinete no Conservatorio Superior de Música da Coruña, combina a súa actividade docente coa concertística, tanto en música de cámara como en orquestra.

Cofundadora tanto do Trío Kulmann (2005) como do Trío Erkel (2008), o Cuarteto de clarinete e cordas Scherzando (2013) e M. Sancho Quartet (2015), forma parte tamén da Orquestra Sinfónica Vigo 430 desde a súa fundación en 2005.

Anca Smeu (violín)

Violinista co-principal da Real Filharmonía de Galicia, traballa na Orquestra Filharmónica de Brasov de Romanía e ocupa o posto de concertino na Orquestra la Neuville de Suíza, na Orquestra de Radio Bucarest e na Xove Orquestra de Sofía, en Bulgaria.

Ten realizado gravacións e concertos en Romanía, Italia, Austria, Alemaña, Francia e España. En 1995 foi Premio Especial do Concurso de Cuartetos de Cordas Mozart en Salzburgo, Austria.

Timur Sadykov (viola)

Viola na Real Filharmonía de Galicia, formou parte da Orquestra de Moscova na sección de primeiros violíns, colaborando con outras orquestras como a Orquestra Sinfónica de Radio Estatal Rusa, a orquestra RTVE, ou a Orquestra Sinfónica de Galicia.

Participou no Festival Via Steallae en 2009 e 2010 e, nos últimos anos, en proxectos de música de cámara organizados polo Auditorio de Galicia e a USC, ademais de impartir masterclasses en diversos centros docentes.

Alejandra Díaz (cello)

Violonchelista galega gañadora do Premio Carnegie Palmer da Worshipful Company of Musicians e finalista do Premio Internacional Pau Casals. Ten actuado coa London Symphony Orquestra, a Real Filharmonía de Galicia, a London Metropolitan Sinfonia, a Orpheus Sinfonia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia.

En 2013 foi premiada co LSO String Experience Scheme e seleccionada para participar no prestixioso encontro de Música e Academia de Santander en 2014.

  
Descarga aquí o programa do concerto en pdf.