Para festexar o Día Internacional da Narración Oral, a contadora Marta Ortiz trae ao Gaiás as súas historias da Galicia Máxica, un repertorio composto na súa totalidade por contos tradicionais galegos e portugueses. Será unha emocionante viaxe que, a través de romances, cancións, brinquedos e xogos da nosa tradición e da do país veciño, nos lembrará a irmandade lingüística e cultural que temos con toda a lusofonía e achegará aos máis pequenos e pequenas o rico patrimonio oral que compartimos.
Esta sesión de contacontos, especialmente dirixida á cativada de entre 4 e 11 anos, contará con entrada de balde –previa reserva– e poderá seguirse tamén en directo a través de streaming.
O Día Internacional da Narración Oral conmemórase cada 20 de marzo –coincidindo co equinoccio de primavera– como un xeito festivo de pór en valor a arte dos contacontos, de narrar de viva voz, de contar e escoitar, unha arte escénica de pequeno formato pero moi presente en todas as programacións culturais de Galicia.
O espectáculo enmárcase nas actividades para esta conmemoración promovidas polo Festival Atlántica, o colectivo NOGA, e os festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, nunha xornada na que se celebrarán unha vintena de espectáculos en múltiples puntos de Galicia. Ademais de Marta Ortiz, entre os artistas participantes figuran nomes como os de Raquel Queizás, Charo Pita, Pablo Díaz, Vero Rilo, Celso F. Sanmartín, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab ou Migallas.
A iniciativa conta tamén cun manifesto da escritora Fina Casalderrey para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.



