Máquina de meter medo + Nagai + Xenderal

A escena musical emerxente galega será a protagonista do Atardecer no Gaiás do 22 de agosto. Máquina de meter medo, Nagai e Xenderal, gañadores do Xuventude Crea 2012, serán os encargados de poñerlle banda sonora a esta tarde xoves con tres sesións nunha soa.

Máquina de meter medo e a súa combinación de voces, danza e instrumentos ancestrais acompañados por pedais de efectos e loops serán os primeiros en saltar ao escenario. Unha viaxe única a través da tradición, acompañada de sorprendentes mesturas con elementos contemporáneos.

Tras eles, Nagai, formación nada en 2012 e gañadora do segundo premio nos Xuventude Crea. Nagai despregará no Gaiás os temas do seu primeiro disco, UNO, no que se respira a crudeza do blues, con toques de jazz, funky e rock progresivo.

O fin de festa correrá a cargo de Xenderal, nome baixo o que se agocha o cercedense Carlos Gende Prego e a súa mestura de reggae, rap e beatbox acompañada de letras contundentes e retranqueiras que, de seguro, non deixarán indiferente ao público que se achegue ata a Cidade da Cultura.