Maker Faire Galicia 2021

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura volve transformarse en xuño no espazo virtual que acollerá a Maker Faire Galicia, que na súa sétima edición repite cun novo formato totalmente en liña. O encontro volverá ser un grande escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos, onde argalleiros e argalleiras de todo o planeta poderán compartir coñecemento conectándose e interactuando de maneira dixital.

Un ano máis, a plataforma https://makerfairegalicia.com/gl será o punto de encontro virtual no que, entre o 2 e o 6 de xuño, as persoas visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás -convertido nun entorno virtual en 360 graos- e moverse polo espazo para interactuar cos expositores participantes. Poderán conectar en directo cos e coas makers para coñecer polo miúdo os seus proxectos, ademais de asistir ás diferentes charlas e obradoiros durante os cinco días do evento, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, outras dúas destinadas a público xeral -e moi especialmente aos makers miúdos e miúdas- e unha xornada dedicada ao ámbito educativo.

No encontro presentarase máis de medio cento de proxectos de seis países (34 deles de ‘makers’ galegos e entre eles 13 centros educativos de primaria, secundaria e FP de Galicia). Despregará tamén un intenso programa de obradoiros e relatorios emitidos por videoconferencia, sobre temas como intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, videoxogos, economía circular, arte ou innovación social. 

Integramente en liña

O evento estreou na pasada edición este novo formato converténdose nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial en celebrarse integramente a través de Internet e logrando que, pese á pandemia, visitantes de Galicia e tamén de países como Arxentina, Brasil, Colombia ou México se desen cita neste encontro. Se perdiches algún dos contidos que se compartiron, aínda podes velos premendo nesta ligazón.

A sétima edición da Maker Faire Galicia celébrase unha vez máis no Museo Gaiás, aínda que de forma virtual, e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a APD, e a colaboración da Fecyt.