Magostos no Gaiás | Obradoiro de pandeireta con Xabier Díaz

A música de raíz é tan indisociable coa celebración do magosto como a mesma degustación de castañas. Non falta nunca tampouco quen se arranque a tocar un instrumento tradicional, sobre todo os de percusión. Por este motivo, en máis dun Magosto no Gaiás temos incluído actividades formativas que vos acheguen a algún destes instrumentos para animarvos a tocalos con máis soltura neste ou calquera outro festexo. E, nesta edición, imos contar cun Obradoiro de pandeireta, impartido por un músico de alto nivel e prestixio como é Xabier Díaz, que conta tamén con experiencia docente.

Se tedes xa nocións propias de nivel medio-avanzado, bulide a inscribirvos en calquera das dúas quendas! O curso é de balde e con prazas limitadas para cumprir rigorosamente coas medidas sanitarias da covid-19.

XABIER DÍAZ

Dos primeiros sopros de Xabier Díaz (A Coruña, 1969) a unha gaita nos albores dos 80 ata As Catedrais Silenciadas pasaron case 40 anos. A curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon, tendo sempre a música pop(ular) no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames... hoxe é un dos nomes propios da música tradicional galega.

Formou parte do célebre conxunto Berrogüetto entre 2008 e 2014. Paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto, co que publicaron dous discos. As súas composicións, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e, doutra banda, dándolles o seu toque particular. A súa música, as influencias doutras latitudes e as súas novas letras aportan frescura a unha materia prima propia do noroeste.

Como docente, imparte clases de instrumentos de percusión tradicionais magníficamente mesturadas cunha compoñente etnográfica. Deste xeito ensina a relación da música galega coas doutros espazos e, ao tempo, fai comprender aos asistentes aos seus obradoiros aquilo que é propio e xenuíno da nosa cultura musical.

 

 

CONTIDOS DO CURSO

Técnicas de pandeireta:
— Articulación.
— Man aberta.
— Puño.
— Riscados.
— Repertorio Tradicional 

QUE SE PROCURA CON ESTE OBRADOIRO?

—  Aprender técnicas de pandeireta

—  Coñecer repertorio tradicional de pandeireta

 
Música & Escena
 
Do 18 ao 21 de febreiro 2021