Unha conversa fantástica. Alba Rozas (Lalín, 1988) visita a Biblioteca de Galicia, en conmemoración do Día das Escritoras, para percorrer os sendeiros da literatura fantástica escrita por mulleres. Foron moitas as autoras que, ao longo da historia, sentiron paixón polo extraordinario. Mundos novos, historias que van máis alá do tanxible, a maxia en simbiose co cotiá. Esta charla, na que Alba estará acompañada por Noelia Bascuas, directora da Biblioteca de Galicia, permitirá achegarnos non só a súa propia escrita, senón tamén á doutras escritoras galegas de literatura fantástica como Vanesa Santiago ou Lara Dopazo e a autoras internacionais consagradas neste xénero como Shirley Jackson ou Ursula K. Le Guin, que abriron camiño para que a fantasía se escribise tamén en feminino.
Este evento é un prólogo da vindeira exposición da Biblioteca de Galicia Do soño á apocalipse: os vieiros da literatura fantástica en galego que se inaugurará no mes de outubro e da que Alba Rozas é comisaria xunto con Lorenzo Romero. Alba é unha das maiores coñecedoras da literatura fantástica, non só en galego, senón tamén da traducida ao noso idioma. A súa paixón reflíctese na súa faceta de escritora, coas novelas A caída de Guiomar, Lapislázuli e O regreso das superguerreiras; ou os relatos A dama do corazón negro, Costureiriña cosida, A culpa é das sereas, Alí quedou, coa cabeza nun bidón ou Tomasa Bárbara. Tamén realizou traballos de investigación no eido da literatura fantástica e na edición, co seu proxecto Boaedicea Editora, hoxe en día, a única editora especializada no xénero fantástico en galego.
Nesta charla, na que se busca alentar a conversa con todas as persoas asistentes, achegarémonos a este xénero que nos levará a coñecer ao Rei Artur, homes lobo, extraterrestres ou, inclusive, pasar un pouco de medo, acompañados dunha boa merenda.
