Letras Galegas no Gaiás | Antonio Fraguas

A Cidade da Cultura súmase cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Antonio Fraguas, figura que tamén ten a súa homenaxe e festexo neste gran día no Gaiás para pór en valor o seu labor como investigador e valedor da nosa cultura popular. 

Antonio Fraguas foi director e presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, institución que prestou unha importante colaboración para a configuración da exposición sobre artesanía galega Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería en Galicia, que pode verse no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro.

Así, ao longo do 17 de maio e para celebrar o Día das letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, na Cidade da Cultura organizamos:

  • Unhas visitas comentadas moi especiais (30 minutos de duración ) á exposición Pensar coas mans, nas que destacaremos a súa figura e o seu labor ao fronte do Museo do Pobo Galego, a partir das pezas prestadas para esta mostra artística | Horarios12 h,13h e 18.30h . Mantense a visita regular das 17.30 horas de 60 minutos e que inclúe tamén a mostra Valor e mestría. Galicia como fútbol.
  • E, seguindo co bo recibimento e participación acadada pola actividade iniciada o ano pasado no 17 de maio, as persoas que se acheguen ao Museo Centro Gaiás puideron sumarse á lectura participativa, na que contamos cunha escolma de textos destacados da súa obra.

A persoa que realizou a escolma de textos, á proposta do Museo do pobo Galego, é Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural.

Esta lectura compartida é un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación de Antonio Fraguas a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían de todo a súa importante tarefa para recompilar, conservar e pór en valor o patrimonio de raíz galego. Ademais, a vosa participación irase compartindo nas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia: Facebook, Twitter e Instagram.

LECTURA COMPARTIDA POLAS REDES DAS LETRAS GALEGAS 2019