Letras Galegas no Gaiás 2022 | Florencio Delgado Gurriarán

Cada ano polo 17 de maio a Cidade da Cultura súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa posta en marcha dalgunha actividade conmemorativa da que quede constancia ao longo do tempo, poñendo así o seu gran de area na difusión da figura da persoa homenaxeada.

Este ano no que se dedican as Letras a Florencio Delgado Gurriarán, e seguindo co bo recibimento e participación acadada pola actividade iniciada alá polo 2018, o Museo Centro Gaiás organizou de novo unha lectura participativa na que os protagonistas son os visitantes anónimos que se achegan ás instalacións da Cidade da Cultura. Que mellor recordatorio que contar cunha escolma de textos destacados da súa obra á que lle poida poñer voz calquera cidadán?

Esta lectura compartida é un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación de Florencio Delgado Gurriarán a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían de todo a súa importante tarefa en prol das nosas letras e cultura. A escolma de obras para ler nesta ocasión é unha selección de Débora Álvarez Moldes (O Barco de Valdeorras, 1980), licenciada en Filoloxía Galega e xestora cultural, directora do proxecto "As letras de Florencio".

LECTURA COMPARTIDA DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Florencio Delgado Gurriarán

A Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987) polo seu labor literario e activismo político e cultural, que constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora. A RAG explica que ademais de celebrar o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre característico das terras de Valdeorras, tamén homenaxeará a través da súa figura, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México. Neste país o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da identidade galega.

Florencio Delgado Gurriarán foi avogado de formación, poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e doutras publicacións de carácter político e cultural.