A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (Aelg) e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega celebran por cuarto ano as Xornadas de Literatura e Ensino, que nesta edición se centra no papel das mulleres nas letras. Baixo o título A Xeración Nós-Outr@s, a Cidade da Cultura acolle unha xornada na que participarán recoñecidas autoras como Rosa Aneiros, Inma López Silva ou Berta Dávila nun completo programa que inclúe charlas, obradoiros e mesas redondas. (Consultar o programa na zona de descargas).
A expresión literaria galega goza dun longo percorrido histórico ao tempo que amosa unha actualidade creativa que necesariamente ten que achar o seu punto de acollida e intercomunicación no ensino. O pensamento e a creación das mulleres precisa acrecentar o seu espazo de visibilidade nun ámbito de formación de lectorado crítico como é a escola.
A literatura como obxecto de estudo en si propio e/ou como ferramenta para o coñecemento transversal e a formación do individuo debe entrar nas aulas non só como conceptos teóricos, senón como modelo de reprodución para favorecer a procura da propia experiencia creativa persoal.
Vivir a experiencia creadora en primeira persoa. Eis o reto.
Poesía, narrativa e ensaio para sentir, ouvir e ver; para ler, contar e expresar; para fascinar e transformar a realidade.a
| 1.13 MB |
