A Cidade da Cultura de Galicia converterase por cuarto ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Será no IV Encontro de Artistas Novos que se celebrará na Biblioteca e Arquivo de Galicia do 9 ao 12 de setembro de 2014.
Coordinado por Rafael Doctor, o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes galegos e procedentes doutros lugares, ademais de poñer en contacto aos participantes con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou art followers. Unha edición máis, o Encontro traerá ao Gaiás artistas e creadores xa consolidados para compartir as súas experiencias e reflexións ao redor da arte: Lois Patiño, Din Matamoro, José Manuel Ballester e Dora García.
No Foro Aberto, cada un dos participantes terá a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. A maiores, a Cidade da Cultura abre a posibilidade de que algúns dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artísticas nas Torres Hejduk do complexo, seguindo a estela de artistas como Pamen Pereira, Ramón Conde, Alejandra Sampedro, Ana Soler ou bolseiros da anterior edición do propio EAN, que tiveron a oportunidade de facer desta infraestrutura un lugar dedicado á arte e á creatividade a través da intervención En ningún lugar.
| 344.86 KB | ||
| 587.4 KB | ||
| 63.76 KB |
