A Cidade da Cultura e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) colaboran un ano máis no desenvolvemento das Residencias Incipt de investigación e creación artística, que desta volta traen á ilustradora e autora de banda deseñada Ana Penyas ao Gaiás. Do 2 ao 15 de xullo, Ana Penyas estará traballando nos espazos de residencia do Museo entrelazando o seu proceso creativo co das investigadoras do proxecto HabitPAT: Os coidados do patrimonio, unha iniciativa que formula unha pregunta tan sinxela como profunda: como nos constrúe o contexto patrimonial que habitamos, mentres os nosos xestos e accións van construíndo ese mesmo patrimonio?
A resposta buscarana xuntas en Vite, un barrio de Santiago de Compostela que ten moito que contar. Nacido nos anos 60 como polígono de vivendas sociais, Vite foi tecendo ao longo das décadas unha identidade comunitaria única, forxada na loita veciñal e materializada nun denso tecido asociativo. Desta historia nace ViteArquiva, un proxecto colaborativo onde veciñas, veciños e investigadoras do Incipt comparten memorias, relatos e documentación, organizándoos de forma autoxestionada como arquivo comunitario.
Pero Ana non vén só documentar o que xa existe. A súa ollada dirixirase cara aos ocos e silencios que habitan tanto no arquivo como no propio barrio. O seu proceso artístico alimentarase do intercambio con materiais documentais, conversas coa comunidade e, especialmente, do encontro con aquelas voces que tradicionalmente quedaron á marxe da narrativa oficial de Vite.
Unha residencia que se presenta como un encontro necesario entre creación artística e investigación social, onde o arquivo comunitario se converte en territorio de exploración creativa.
Xornada de portas abertas
O día 11 de xuño, no marco da xornada Habitar o Patrimonio organizada polo Incipit-CSIC como peche do proxecto, Ana Penyas achegará ao público o seu proceso creativo e traballo realizado durante a residencia. O programa inclúe tamén presentacións ao redor dos distintos casos de estudo traballados ao longo do proxecto HabitPAT: o barrio de Vite, o camiño de Santiago e o Qhapaq Ñan andino, as mariscadoras, o fado en Lisboa ou o valor patrimonial da verbena galega. A asistencia é gratuíta.
Unha traxectoria comprometida coa memoria
Ana Penyas (Valencia, 1987) chega a esta residencia cunha sólida traxectoria na intersección entre arte e memoria histórica. Autora de Estamos todas bien (Salamandra Graphic, 2017) —unha reflexión sobre as súas avoas e a xeración de mulleres do franquismo que lle valeu o Premio Nacional de Cómic 2018—, desenvolveu unha obra coherente arredor da recuperación das memorias silenciadas.
Os seus traballos sobre memoria histórica inclúen En transición (Barlin libros, 2017) e Mexique, el nombre del barco (El zorro rojo, 2017), mentres que Todo bajo el sol (Salamandra Graphic, 2021) lle outorgou recoñecemento internacional co Premio Éco-Fauve RAJA no Festival de Angoulême 2023, pola súa reflexión sobre a transformación do levante peninsular a través do turismo.
O seu proxecto máis recente, En una casa. Genealogía del trabajo del hogar y los cuidados, desenvolvido xunto á antropóloga Alba Herrero Garcés e exposto no IVAM, demostra o seu interese continuado por facer visibles realidades habitualmente invisibilizadas.
