I Encontro Artistas Novos - Set 2011

A Cidade da Cultura ábrelles as súas portas aos creadores mozos nacionais e internacionais para manter un diálogo construtivo sobre a arte contemporánea. O complexo cultural convértese así en escenario de intercambio e reflexión sobre aspectos esenciais da creación artística e aspectos más concretos relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección no mundo real.

Os obxectivos establecidos son os seguintes:

  1. A convivencia entre artistas novos galegos e procedentes doutroslugares.
  2. Percorrer e debater a situación actual da Arte Contemporánea.
  3. Proporcionar un espazo de encontro e intercambio de coñecementos e ideas.
  4. Proporcionarlles aos seus participantes un lugar de acceso directo a artistas e obras consolidadas.
  5. Darlles a coñecer aos participantes as principais infraestruturas do territorio galego dedicadas á arte contemporánea.

Co fin de fomentar a convivencia entre os distintos participantes é condición necesaria a obtención dunha das 100 prazas que convoca a Fundación Cidade da Cultura para axudar aos artistas mozos a abrir novas vías de difusión para as súas obras e ofrecerlles un espazo de coñecemento, de reflexión e de intercambio de ideas. Ademais, dentro do programa realízase o “Foro Aberto”, onde lles damos a 30 creadores mozos a oportunidade de expoñer publicamente os seus propios proxectos artísticos.

Programa

Cada xornada celébranse tamén conferencias con recoñecidos actores da Arte Contemporánea, para o enriquecemento dos novos creadores.

Nesta primeira edición participan destacados axentes culturais como o prestixioso historiador da arte Rafael Doctor Roncero e Ignacio Santos Cidrás, director de Acción Cultural da Cidade da Cultura; Miguel von Hafe, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); David Barro, comisario independente e director da editorial Dardo-ds; e Iñaki Martínez Antelo, director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).

Damos desde aquí a benvida aos participantes que forman parte deste proxecto anual que se encadra nas accións da Fundación Cidade da Cultura destinadas a dinamizar a actividade artística en Galicia.