Horizontes Errantes é unha peregrinación artística entre Alemaña e España, un proxecto de arte en movemento co que Laura Aris e Jakob Jautz transforman a experiencia de camiñar nunha creación escénica de danza contemporánea, música e teatro físico.
Unha performance con múltiples rostros que se presentará ao público galego o 27 de setembro no Salón de convencións do Edificio CINC, con entrada libre ata completar capacidade.
Durante 15 días, Laura Aris e Jakob Jautz percorreron a pé os camiños entre Tübingen e Friburgo (atravesando a Selva Negra en Alemaña) e entre Villanueva de Santo Adriano e Santiago de Compostela (seguindo o Camiño Primitivo), recollendo historias, sons, paisaxes e encontros significativos.
O camiño —coas súas voces humanas e non humanas— convértese con Horizontes errantes en corpo, movemento e relato. A proposta convida a habitar o mundo desde a lentitude, a escoita e a transformación. Camiñar como un acto poético de resistencia crítica e á vez sensible, que —a pesar da realidade distópica— evoca sentimentos de esperanza e conexión.
|

Residencia artística e obradoiros
A proposta conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Programa de Residencias Artísticas do Gaiás, Landesverband Freie Tanz- und Theaterschaffende Baden-Württemberg (LaFT BW) e.V., o Ministerio de Ciencia, Investigación e Artes de Baden-Württemberg, a Fundación LBBW, The Tomorrow Tribe e E-WERK Freiburg e.V.
Á súa chegada a Santiago de Compostela, Laura Aris e Jakob Jautz contarán cun espazo de traballo no Cidade da Cultura no que dar forma aos ecos da experiencia no camiño e convertilos nunha performance completa, coa colaboración do músico e compositor portugués Jorge da Rocha.
Ademais, os artistas organizarán un obradoiro de danza contemporánea gratuíto o 28 de setembro na Cidade da Cultura para xerar encontros que conecten coa comunidade de bailaríns de Galicia. Este obradoiro baséase no concepto en desenvolvemento based landscape choreography (coreografía baseada na paisaxe) e diríxese a persoas interesadas no diálogo entre movemento, natureza e creación artística.


