Rock, funk, reggae... Con tres discos editados e unhas cancións de aires frescos e divertidos, o cantautor nado en Río de Janeiro pero afincado en Pontevedra amosará na praza central do Gaiás o seu directo realista, romántico e versátil.
Gustavo Almeida nace en Rio de Janeiro (1978) un catorce de febreiro e alí permanece ata os 18. En Río, o seu ritmo é o dos partidos, a súa harmonía está nun equipo de fútbol e o seu retrouso o dos goles. E é que Gustavo dedícase ao fútbol de xeito profesional ata 2002 (pasando polo Vasco da Gama de Brasil e o filial do Celta de Vigo entre outros equipos). Ata que a súa outra vocación, herdada da súa nai, a recoñecida cantante brasileira Ellen de Lima, pide paso e visado. Comeza versionando cancións dos seus artistas favoritos, como Caetano Veloso, Djavan, Gilberto Gil, Jorge Drexler ou Silvio Rodríguez, ata que no 2005 decide comezar a escribir a súa propia traxectoria e, entón si, faise un camiño imparable con 'Por si me escuchan' (2005), 'Cabaña' (2008) e 'Desde el coche' (2014).

