Galician Connection 2013

Un programa formativo a cargo de oito artistas internacionais, charlas, obradoiros e debates, jam session e concerto no Museo de Galicia. Esta é a oferta da segunda edición de Galician Connection, un laboratorio de música , pensamento  e difusion dirixido por unha das nosas figuras máis internacionais: Cristina Pato. Serán catro xornadas onde, ao redor da música, terán lugar actividades e accións relacionadas coa formación, a colaboración, o pensamento e a difusión da experiencia cultural  dos participantes en Galician Connection.

O Galician Connection 2013 contará coa presenza do saxofonista e frautista recoñecido recentemente como mellor artista de Jazz europeo, Jorge Pardo; Wu Tong, considerado unha das figuras máis importantes da música tradicional chinesa; o compositor e pianista de jazz cubano Omar Sosa; o violinista e emprendedor americano residente en Afganistán William Harvey; o percusionista e especialista en músicas tradicionais Eliseo Parra; o acordeonista de jazz galego residente nos Estados Unidos Víctor Prieto; a cellista e cantante galega Rosa Cedrón e o percusionista galego Isaac Palacín.

Programa formativo exclusivo

Galician Connection ofrece un innovador programa con foros de debate, asistencia a ensaios e clases prácticas e encontros "cara a cara" nos que os asistentes poderán compartir experiencias directas cos artistas convidados.

Foro de Emprendemento Cultural

Xunto o programa formativo, o Galician Connection celebrará un Foro de emprendemento cultural con catro exemplos de proxectos a cargo dos seus responsables: Laura Freid, directora executiva do Silk Road Project e impulsora do Cultural Entrepreneurship Challenge da Harvard University; o músico e fundador da Afghan Youth Orchestra William Harvey; un dos fundadores da empresa Piranha Musik, responsable e fundador do Feira Internacional Womex; e Joaquín Martínez, director de Esmerarte Servicios Artísticos; unha das empresas galegas con alta actividade cultural.

Concerto

As experiencias de Galician Connection abriranse cara o público cun gran concerto, o sábado 20 de abril, a cargo dos músicos convidados, que interpretarán os resultados de tres días de experimentación e colaboración.

Jam Session

Como novidade desta segunda edición, aberta ao público e de balde, os participantes poderán ser os protagonistas durante a última xornada, o domingo 21 de abril, dunha jam session na que demostrar non só o talento e os coñecementos adquiridos ao longo das últimas tres xornadas, senón interactuar con outros músicos e establecer sinerxías que poidan desembocar en futuros proxectos musicais.