Foradada | IX Encontro D10! de Formación e Innovación en Circo

Conta a lenda que, quen é capaz de atravesar a Roca Foradada do macizo rochoso de Montserrat, en Cataluña, cun cesto cheo de auga sen verter nin unha soa gota, experimenta unha transformación de xénero. Inspirada nesta historia, a Cía Moll de l`Os tráenos Foradada un espectáculo híbrido que bota man das acrobacias, o circo e o movemento para reflexionar sobre a identidade de xénero. Esta proposta escénica enmárcase dentro do ciclo D10! Encontro para a Formación e a Innovación en Circo que xa vai pola IX edición e que funciona como unha plataforma a través da que potenciar as artes circenses, sendo a Cidade da Cultura sede para un dos espectáculos que conforman a programación. 

Como nos condicionan os parámetros de xénero? Podemos, como sociedade, aceptar xéneros cambiantes? A artista Àfrica Llorens explora nesta arriscada peza os lindes entre o feminino e o masculino e a posibilidade de ruptura con este binarismo nun espazo escénico marcado pola potencia do plano sonoro, as cestas de vimbio como elemento vinculado á terra e a cultura, e o achegamento co público. 

Este espectáculo, que conta cunha linguaxe adaptada a preadolescentes, preséntanos a unha protagonista que transita polos seus propios lindes. Un corpo incómodo, cestos de vimbio e acrobacias propoñen un canto á disidencia, clamando o dereito a existir.

Un espectáculo que aposta pola creación no rural

Co interese de crear e ampliar espazos de creación, estreitar relacións con artesáns e intercambiar prácticas e coñecemos con diversas aldeas e as súas xentes, Foradada pon en valor os espazos destinados á cultura e a creación fóra das cidades. Así, a peza elaborouse na súa maioría nun entorno rural que permitiu un ritmo máis centrado no proceso e a vivencia que na produción e os resultados, transmitindo unha conexión máis respectuosa cos ciclos do corpo e a natureza.