Para despedir o Atardecer no Gaiás queriamos unha banda que se deixase a pel no escenario mentres o público non puidese deixar de bailar. E iso é exactamente The Excitements, grupo barcelonés que pisa con forza na primeira división europea do rythm'n'soul.
Nados en 2009, The Exicements hai tempo que xa non son uns descoñecidos. Aferrándose á práctica dun soul e un r&b extraídos directamente da época máis fértil (musicalmente falando) de mediados do século XX, están deixando coa boca aberta a un público que aumenta cada día. É no directo, sobre os escenarios de clubs e festivais internacionais, onde gañaron uns seguidores ávidos de música sinceira, enérxica, real e auténtica. E este sábado volverán demostralo na praza central, sendo o broche perfecto para o Atardecer no Gaiás 2015.

