Este venres 19 de xuño ás 18 horas o artista Edu Valiña e o músico Mondra convídanvos a afondar na instalación Esfollarse, a peza que crearon en común para a exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI.
Neste diálogo aberto co público, conversarán sobre o proceso creativo dunha obra que xoga no visual e no sonoro co imaxinario ao redor do millo e a súa importancia na cultura galega. A comisaria da mostra, Mónica Alonso será a encargada de presentar e conducir este encontro, que terá lugar na propia sala do Museo Centro Gaiás. Para asistir é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, na columna dereita da web.
A instalación Esfollarse dá continuidade a un proxecto iniciado por Edu Valiña no ano 2000 coa folla do millo como protagonista. Con ela teceu prendas de uso tradicional feminino que articulan vínculos entre o visual e o emocional co produtivo, explorando a relación entre arte, territorio e memoria viva.
O músico Mondra, un dos nomes máis destacados dentro da escena actual do país, engade a capa sonora que amplía a experiencia da instalación.Camiñar polas follas secas amoreadas no chan do Museo activa un espazo sonoro que non só remexe nos cancioneiros tradicionais, senón que a propia pisada intervén tamén nel.
Gaiás inspira
Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.



