Escenas do cambio 2022

 

A oitava edición do festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do cambio, presenta 14 pezas de vangarda procedentes de España [Galicia, Andalucía, Castela e León, Madrid, Cataluña e Valencia], Portugal e Francia que transitan a vangarda do teatro, a música, a danza, as artes visuais e a performance. Esta edición concentra en catro días, do 5 ao 8 de maio, unha programación que aposta forte pola creación, con oito obras que terán a súa estrea absoluta no festival.

Escenas do cambio 2022 comeza cun recoñecemento especial a María Casares, figura imprescindible do teatro do século XX da que ademais este ano se conmemora o centenario do seu nacemento. A xornada inaugural do festival estará dedicada á actriz galega, coa apertura da mostra María Casares – Pedro Soler. Collioure 1989 que exhibirá no Museo Centro Gaiás obxectos e pezas inéditas dunha das últimas xiras da actriz por Francia, na que estivo acompañada polo guitarrista de flamenco Pedro Soler. O propio Soler ofrecerá un breve recital nun encontro posterior no que compartirá os seus recordos ao redor de María Casares co recoñecido director de teatro Lluís Pasqual, que tivo o privilexio de asistir como espectador a varias representacións da intérprete galega, e con Anne Plantagenet, autora da biografía da actriz baseada na correspondencia amorosa que intercambiou con Albert Camus.

De novo coa dirección artística de Lola Correa, o programa do festival explora novos lugares e formatos para o encontro. A transversalidade (de linguaxes, de corpos, de espazos) marca unha edición que vai máis aló na procura de novas experiencias para público e artistas, cun concerto na rompente do día, unha proposta de teatro itinerante que nos levará de Santiago de Compostela ata Fisterra ou unha instalación que (nos) atravesa a memoria e o territorio, entre outras propostas.

Fai clic na imaxe para acceder á programación do festival:

Voadora | Mateo Feijóo | Mercé de Rande | Miguel Ponce de León | Helen Bertels | Gena Baamonde | Helena Varela | Ana Abad de Larriva | Ana Vallés | Ramón Souto | Tânia Carvalho | Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi | Nieves Correa e Abel Loureda | Societat Doctor Alonso | Man Drake x Tomeo Vergés | Teatro La Usina | Sara Molina | Pedro Soler | Anne Plantagenet | Lluís Pasqual