Escape room | Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020

Arrevesadas pistas e misteriosos enigmas agóchanse nos corredores da exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020. Esta divertida xincana de enxeño en formato 'Escape room', dirixida a público mozo e adolescente, proponvos un feixe de retos a resolver.

O tempo corre! Seredes quen de descubrir o segredo que escondeu o coleccionista de arte Hugo Finch? El dedicou a súa vida a procurar obras surrealistas que ocultasen algún tipo de engano ou ilusión…

Convertédevos en detectives e exploradoras por un día e demostrade que non hai crebacabezas nin misterio que non sexades quen de desentrañar!

OLLO! Información importante para a reserva

  • A actividade está concibida para público mozo e adolescente e para realizar en equipo. A idade recomendada é +12 anos.
  • En caso de que algún/ha integrante do grupo sexa menor de 12 anos, deberá estar acompañado/a dunha persoa adulta responsable (que tamén forme parte do equipo que realizará a xincana).
  • A inscrición é de balde e cada entrada dá acceso a un grupo de ata 4 persoas máximo (incluída rapazada e persoas adultas).
  • Para reservar, selecciona a hora que prefiras en Ataquilla.

O día da actividade, tende en conta que:

  • PUNTO DE ENCONTRO: Á vosa chegada, dirixídevos ao mostrador de entrada do Museo Centro Gaiás, onde recibiredes as instrucións para a aventura, antes de subir á sala de exposicións.
  • Para realizar a actividade é imprescindible que traiades un dispositivo móbil con acceso á rede, no que se recibirán as pistas e enigmas para avanzar na aventura (a través dunha app e un código de acceso que vos dará o/a monitor/a da actividade).
  • A duración da proba é dun máximo dunha hora, pero poderá ser moito menos dependendo do espelidos/as que sexades na resolución dos enigmas!