Entroido animal con Magín Blanco

Esquío, castor, mapache, pingüín, gata, lura ou pitiña de Mos! Este Entroido transfórmate no teu anfibio, cefalópodo, ave ou mamífero favorito para vir cantar e mover o esqueleto ao Baile de Entroido Animal do Gaiás cos temazos de Magín Blanco & A Banda das Apertas!

O autor de ‘Peixiños do mar’ ou o ‘Rock&Roll do dragón’ trae á Cidade da Cultura o seu espectáculo de teatro-musical ‘A nena e o grilo’ co que fará bailar a toda a familia animal que vos acheguedes co voso disfrace a gozar con nós dun divertido luns de Carnaval, que arrancará primeiro cunha pinchada para ir soltando vergoña e maniotas coa DJ de música infantil Marifaltri.

Festa animal a esgalla!