A Biblioteca de Galicia, con motivo da conmemoración do Día da Poesía, organiza esta actividade na que se presentará a historia de “Zimbo”, de Arturo Abad e Joanna Concejo, un álbum ilustrado de profundo contido poético e narrativo no que a dozura e a delicadeza das imaxes acompañan á perfección a prosa rítmica do texto, que será o detonante para a creación.
O protagonista, “Zimbo”, coma todo monicreque, componse de corpo, extremidades, cabeza, ollos e boca, así que no obradoiro botarase man de elementos e imaxes presentes no universo pictórico do libro: fíos, costuras ou pezas soltas. A idea será crear un monicreque particular e único para cada participante, valéndose de dous dados: nun aparecerán as palabras (nomes, accións, sons) e noutro estarán as imaxes (brazos, pernas, cara) que conforman o corpo da marioneta.
Ao final da sesión repartirase, entre o público asistente, un exemplar do libro “Zimbo”, de OQO Editora.
