O ensemble Música Práctica inaugura o ciclo Ópticas contemporáneas 2024 da Cidade da Cultura o domingo 15 de setembro cun percorrido pola creación musical máis recente que culmina nunha obra en estrea de Fernando Buide, especificamente escrita para o multiinstrumentista Abraham Cupeiro, invitado de honra do concerto.
Miradas na memoria é o título que engloba un programa no que escoitaremos composicións de Leonardo Balada (Cataluña), Joseba Torre (País Vasco) e Fernando Buide (Galicia), tres compositores contemporáneos aos que uniu Pittsburgh, a cidade do aceiro. Intercalados entre elas neste concerto sen pausas, soarán fragmentos do Zodíaco do alemán Karlheinz Stockhausen.
Pechará o programa A constelación de Saxitario de Fernando Buide, encargo conxunto da Quincena Musical Donostiarra e a Fundación Cidade da Cultura a través dos seus programas de apoio á creación artística. Nesta obra, o músico galego Abraham Cupeiro tocará varios dos instrumentos ancestrais que vén recuperando: o carnyx celta, o aulos grego e o cornu romano, así como bucinas mariñas, presentes en tantas culturas sonoras. Unha constelación que permite resoar en nós un mundo perdido e agora recobrado.
Ensemble Musica Práctica
Baseado nun enfoque artístico versátil, Música Práctica é un ensemble que adapta a súa estrutura a proxectos concretos. O seu foco está na música de creación actual, abordando un abano estilístico extenso. Entre as súas iniciativas anteriores poden atoparse desde un concerto de compositores españois e estadounidenses a proxectos didácticos interdisciplinarios. Naceu como iniciativa conxunta do compositor Fernando Buide e membros da Orquestra Sinfónica de Galicia e tivo a súa presentación como ensemble nun festival internacional na Quincena Musical Donostiarra.
Abraham Cupeiro (Sarria, 1980)
Músico internacional cunha traxectoria persoal e única que ten colaborado con artistas como Patricia Kopatchinskaja, o director de cinema Steven Spielberg e tamén gravou con orquestras como a Royal Philharmonic Orchestra. O seu traballo, tanto como intérprete e como luthier, levouno a recuperar multitude de instrumentos de culturas ancestrais. A día de hoxe é quizais unha das caras máis recoñecibles do panorama musical de Galicia, ademais de colaborador habitual en radio e televisión.
Fernando Buide (Santiago de Compostela, 1980)
Activo como compositor e intérprete, a produción de Buide abrangue os máis diversos xéneros, incluíndo desde música a solo ata obras sinfónicas e ópera. As súas composicións foron interpretadas por formacións internacionais como a Orquestra de Filadelfia ou as Sinfónicas de Pittsburgh e de Minnesota. En España ten traballado con moitas das principais orquestras do país, incluíndo encargos da Orquesta Nacional, Jonde a Real Filharmonía ou a Sinfónica de Galicia.


