Ensemble Micrologus

O Ensemble Micrologus foi un dos primeiros grupos en promocionar e promover o  redescubrimento da música medieval, labor que ven facendo dende 1984 a través de novas formas interpretativas que axudaron a esta música a ser cada vez máis apreciada por un público crecente. Toman o seu nome do tratado de teoría da música medieval Micrologus de disciplina artis musicae do teórico Guido de Arezzo, que no 1026 escribe sobre o canto e as prácticas docentes do canto gregoriano e abre o debate sobre a incipiente música polifónica.

O seu nome é unha declaración de intencións. Ensemble Micrologus basea a súa actividade na investigación e estudo de fontes directas (estudos históricos, paleográficos, organolóxicos  e iconográficos) para establecer hipóteses certeiras de como sería a interpretación da música medieval e a súa estética. Os seus estudos acabaron dotando as súas interpretacións duna fraseoloxía e unha forma de emitir a voz e de ornamentar o son dos instrumentos única, sobresaíndo sobre outras interpretacións menos científicas. Perfeccionaron a forma de interpretación que supera a idea dun concerto para ser máis achegados ao que podería ser unha festa medieval en base aos seus estudos. Tratan na medida do posible que os seus concertos teñan lugar en escenarios orixinais recuperando e fornecendo a razón pola que esas músicas foron creadas. Todos estes elementos unidos permiten ao Ensemble propoñer, de forma innovadora, obras musicais inéditas, así como manuscritos musicais parcialmente coñecidos que, logo do seu profundo estudo, resultan en actuacións e gravacións exhaustivas, sempre tendo en conta o goce e a comprensión do contexto por parte do oínte.

Dende a súa creación a mediados da década dos 80, o Ensemble Micrologus ten realizado concertos en Italia, Francia, Alemaña, Austria, Hungría, República Checa, España, Portugal, Holanda, Bélxica, Suíza, Eslovenia, Polonia e O Xapón. Son parte esencial do laboratorio de Música, Arte e Concerto de Asís. Formaron parte do Studi Ars Nova de Certaldo, onde tiveron a oportunidade de compartir as súas teorías cos musicólogos máis prestixiosos do momento. Utilizan instrumentos reprodución exacta dos conservados a nivel iconográfico nas imaxes da época e realizados por prestixiosos luthiers.

Desde fai anos veñen realizando cursos e obradoiros de interpretación musical medieval e colaborando con importantes institucións como o Festival de Urbino, La Cité de la Musique de Paris ou o Abbey Rouyamont. Tamén participaron en proxectos de teatro, cine e danza (destaca a banda sonora da película 'Mediterráneo' de Gabriele Salvatores).

Ten 15 discos editados e foi dúas veces premiado co  'Diapason d'Or de l'Année', tras traballar con Opus 111 Naïve (París) acabaron creando o seu propio selo discográfico baixo o mesmo nome do ensemble, Micrologus, dende onde están editando os seus últimos traballos.

 FORMACIÓN:

Patrizia Bovi – canto, arpa e trompeta natural.

Goffredo Degli Esposti – traverso, cornamusa e chirimía.

Gabriele Russo – viola, rabel e trompeta natural.

Peppe Frana – oud (laúde árabe) e cítola.

Francesco Savoretti – naccarat, pandeireta, crótalos, címbalo, riq, pandeiro e darbuka.