EnredaDelas | I Encontro Profesional de Mulleres da Arte Urbana

O I Encontro Profesional de Mulleres da Arte Urbana, EnredaDelas 2026, celebrarase os días 20 e 21 de febreiro na Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, como un espazo de intercambio, formación e visibilización dirixido a mulleres profesionais do sector da arte urbana.

O encontro nace co obxectivo de visibilizar, conectar e fortalecer a rede de mulleres que traballan na arte urbana, reunindo perfís diversos como artistas, xestoras culturais, produtoras, fotógrafas, educadoras, divulgadoras ou investigadoras. A través da posta en común de recursos, coñecementos e experiencias entre profesionais, búscase xerar sinerxías, ampliar redes de contacto e crear novas oportunidades laborais para as participantes.

A organización seleccionará un total de 20 mulleres que desenvolvan a súa actividade profesional no ámbito da arte urbana, sen importar os seus anos de experiencia ou grao de especialización, para participar no evento e presentar os seus proxectos. As xornadas contarán co acompañamento de Marina Bortoluzzi, comisaria e fundadora de Women on Walls; Lara Seixo, directora de Mistaker Maker, Anna Dimitrova, directora de Adda Gallery e Montana Gallery Barcelona; e Isabel Zapico, embaixadora da comunidade en español para a Fundación Wikipedia.

Xornada de portas abertas

O sábado 21, de 11:00 a 14:30 horas no Auditorio 2 do  CINC, o encontro ábrese ao público xeral cunha xornada de presentacións —nun formato pecha-kucha— no que as 20 participantes seleccionadas darán a coñecer o seu traballo a profesionais do sector cultura e toda persoa interesada na arte urbana. Un espazo para escoitar, conectar e tecer novas redes arredor da práctica artística no espazo público. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

EnredaDelas 2026 está organizado por 7H Cooperativa Cultural coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura e intégrase no proxecto Cartografías da arte urbana, subvencionado polo Ministerio de Cultura.

Convocatoria

As interesadas en participar no EnredaDelas 2026 deberán cubrir o formulario de inscrición ata o domingo 8 de febreiro (incluído). A selección comunicarase persoalmente ás aspirantes e a listaxe completa será difundida publicamente o 12 de febreiro.

A inscrición no programa, que combina actividades de networking internacional, presentacións públicas con mentoría especializada e accións orientadas á visibilización dixital, será gratuita para as participantes. O sábado ofrecerase un xantar colectivo para participantes e docentes. Os desprazamentos ata a Cidade da Cultura serán sufragados polas beneficiarias.

Ademais, as artistas inscritas poderán optar a completar a pancarta do «Mural colectivo para a igualdade | Do 25N ao 8M» situado no Museo Centro Gaiás.

 
Letras & Pensamento