«El secreto de Julio Verne» | Fantastique Company 

A véspera de aninovo, Valérie descobre que a casa que sempre foi o seu fogar se vai converter nun museo e ela e a súa familia terán que mudarse. Triste e enfadada pola nova, decide agocharse no seu lugar favorito da casa, o gabinete do seu avó, Julio Verne. Con esta suxestiva proposta arrinca este espectáculo de teatro textual, desenvolvido pola dramaturga Irene Santos a partir das novelas de Verne. A proposta integra o emprego das novas tecnoloxías para achegar a un público infantil e familiar o universo do inmortal autor de obras como Da terra á lúa ou 20.000 leguas de viaxe submarina.

Nesta peza acompañaremos a Valérie na noite en que coñece un ourizo cacho paroleiro que lle desvelará o segredo do seu avó, que ademais de escritor foi tamén un aventureiro que viviu todas as historias que conta nos seus libros e que ata enviou un foguete tripulado á lúa que quedou orbitando ao redor dela. Valérie proponse axudar ao foguete a aterrar na lúa e, para iso, precisará da axuda de distintos personaxes das novelas de Jules Verne.

A compañía: Fantastique Company

Fantastique Company é unha compañía asturiana de teatro contemporáneo que desenvolve novos modelos de narración escénica onde integra tecnoloxía dixital. Desde a súa fundación en 2017 desenvolveu proxectos nos que a escenografía toma un papel activo na narración, usando imaxe proxectada e videomapping. O uso desta tecnoloxía achega unha capa de significado á obra, e apoia o labor actoral, dando como resultado novas propostas escénicas.

Encontro post función

Ao remate do espectáculo, ás 19.30 horas, terá lugar un encontro entre o público e Fantastique Company, coa mediación de Alba Bermúdez e Tone Martínez (Galeatro). Trátase dun espazo de debate e ligazón entre compañía en xira e público e unha oportunidade para compartir e charlar sobre o espectáculo que se acaba de ver: o seu discurso, a súa estética e o seu encaixe dentro da traxectoria artística da compañía. 

Camiño Escena Norte

A peza encádrase no proxecto Camiño Escena Norte, promovido polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae e Eskena, artellado ao redor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica dos Camiños de Santiago como referencia para unha intensa programación escénica, expandida nos campos das sinerxías sectoriais, a relación co público ou a reflexión.

El secreto de Julio Verne enmárcase na programación do Itinerario Constelacións, eixo vertebrador do Camiño Escena Norte e itinerario de funcións que, con 15 espectáculos en xira, percorre case 40 sedes en cinco comunidades autónomas.