Don Quixote, unha comedia gastronómica

A Biblioteca de Galicia conmemora os 400 anos da morte de Miguel de Cervantes cunha obra teatral coa que achegarlle a todos os públicos o seu personaxe máis universal: Don Quixote. Así, Limiar Teatro porá en escena unha comedia gastronómica que mestura narración oral, manipulación de obxectos e cociña en directo para dar lugar a esta exitosa versión gastronómica da obra de Cervantes.

Alonso, cociñeiro, comeza a preparar unha demostración culinaria sobre as bondades da dieta mediterránea. O prato escollido é o “potaxe de vixilia” o mesmo que lle ofreceron a Don Quixote na súa primeira saída antes de ser armado cabaleiro andante. Alonso converterase en Quixote mentres prepara ese saboroso prato. Un xogo teatral e gastronómico no que o humor e tolemia de Don Quixote encarnaranse no corpo de Alonso dando lugar a un espectáculo áxil, saboroso e nutritivo. Alguén quedará sen probar os garavanzos?