Día do Teatro | Don Juan de Voadora | #aculturasegue

Soe apelarse a que a vida é unha obra de teatro que non permite ensaios. Mais estes días, que nos obrigan a baixar o pano en moitas das nosas facianas, seguro que nos están a servir para reinterpretala e reinterpretarnos, e para mellor.

De segundas e ata de terceiras oportunidades tamén está imbuída esta tenra revisión teatral e colectiva do mito de Don Juan, que compartimos con vós na súa totalidade na nosa canle de youtube: https://youtu.be/Y8Z5h8QYlY8

Nesta peza a compañía galega Voadora subiu ao escenario do Museo Gaiás da Cidade da Cultura a persoas maiores, actores e actrices non profesionais. Todos eles compartiron con nós cantas vidas, cos seus respectivos ensaios, collen nunha soa. Erguemos o pano! 


SINOPSE: Don Juan comeza no tempo presente e vai cara o futuro. O hedonismo. O carpe diem. O dereito a escoller a rutina ou o cambio. Nunca é tarde nin cedo. Sempre é o momento oportuno.

VOADORA: Voadora, Premio da Crítica de Galicia 2013 na modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, sorpréndenos con esta revisión do clásico 'Don Juan', na que se parte das biografías das persoas maiores que a protagonizan para construír con elas unha performance distinta cada vez. Recoñecida polo seu compoñente musical, estético, sorprendente e evocador e unha linguaxe moi persoal que indaga nas sensacións e nas emocións, Voadora ofrécenos desta volta un traballo cociñado a lume lento que profunda sobre algo que nos une: o amor.

FICHA ARTÍSTICA: O espectáculo está interpretado por 22 voluntarios da zona de Compostela maiores de 65 anos. En escena: Carmen María Alonso, Encarna Álvarez, Xesús Bendaña, Manolo Benítez, Mary C. Castro, Marga Castro, Gena F. Ferreiro, María del Portal Fernández, José Antonio García, Juan Montenegro, Esther Lodeiros, Xacobe Gegorio López, Mercedes Llerena, Lis Mosteiro, Anxo Ramírez, Serbia Rodríguez, Chita Rodríguez, Basi Sánchez, Lourdes Santos, Luisa Silvela, Albariza Sordo, Isaura Varela | Músicos en vivo: Jose Díaz, Fernando Epelde e Hugo Torres | Dirección: Marta Pazos | Dramaturxia: Voadora a partir de “Dom Juan ou le Festin de Pierre” de Molière | Música Orixinal: Jose Díaz, Fernando Epelde e Hugo Torres | Coreografías: Uxía P. Vaello | Iluminación: Rui Monteiro | Deseño de son: David Rodriguez | Axudante de dirección: Gena Baamonde | Rexedores: Gena Baamonde, Ema Santabárbara, Aarón P. Suárez e Liza Suárez | Coproducen: Voadora, Trigo Limpo Teatro­ ACERT | Colaboran: Hotel Costa Vella, Chimpos S.L., Centro Dramático Galego, Concello de Santiago.

ESTREA: 28 de marzo de 2015. ACERT – Tondela (Portugal).
Estrea en España no festival Escenas do Cambio’16, Santiago de Compostela.