Despois de ti, a chuvia

A Cidade da Cultura celebra o Día Mundial da Poesía co espectáculo “Despois de ti, a chuvia”, un exercicio escénico entre dous artesáns das letras e da música.

Xosé Carlos Caneiro –poeta, escritor e xornalista- ofrece unha escolma da súa poesía sinxela e elegante, coa súa particular visión do mundo e das cousas cotiáns. Uns poemas aos que Emilio Rúa lle pon música de xeito doce e coidado, acompañado neste directo polo músico José Gayoso.
 
Durante unha hora e media de recital-concerto, polo escenario do CINC sucederase unha mestura de sensacións e emocións: amor, risa, humor, nostalxia, melancolía, esperanza, tristeza, soidade, felicidade… que segundo a segundo e nota a nota irán calando no espectador ata convertelo en partícipe dun espectáculo único onde a palabra e a música se funden a partes iguais para chegar a un preciso obxectivo: a emoción do ser humano.