En conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, a Cidade da Cultura acollerá o domingo 10 de outubro o espectáculo DeMente, da compañía de danza Fran Sieira. As entradas para asistir a este espectáculo, a un prezo de 5 euros, xa están á venda [premendo AQUÍ]
A peza busca loitar contra un estigma extendido, o da "a imaxe do tolo", que pouco ou nada ten que ver coa realidade das persoas que padecen algún tipo de doenza mental e que non fai senón agravar a súa condición por mor dos perxuízos e o rexeitamento da sociedade.
Para iso, a compañía leva a escena varias patoloxías comúns, as que segundo a Organización Mundial da Saúde sofren, sufriron ou sufrirán unha de cada catro persoas ao longo da súa vida. Froito dun minucioso traballo de investigación, DeMente explora a evolución da percepción e o tratamento da doenza e das persoas doentes, desde a reclusión carcelaria doutros tempos, pasando polas contencións mecánicas e químicas, até a externalización dos nosos días.
Ao tempo que aborda a necesidade de desestigmatizar este tipo de enfermidades e a de favorecer a integración social das persoas que as padecen, a peza convídanos a pór en cuestión o concepto de "normalidade" e o feito se ser ou considerarse "normal":
DeMente quere ser un alento de esperanza, unha mensaxe de positividade para as persoas doentes e para as súas familias.
Fran Sieira, compañía de danza
A compañía de Fran Sieira creouse coa finalidade de concretar e aportar un novo xeito de entender unha compañía de danza e de achegar esa disciplina ao público, dun xeito máis atractivo, comprensible e sobre todo de pór en valor a base do folclore galego como ferramenta sobre a que traballar.
Busca desenvolver outros proxectos artísticos que teñan boa acollida entre o público e sobre todo que devolvan á sociedade da que nacen aquilo que lles inspirou. As súas propostas estudan o movemento a través do baile galego e a música tradicional dende a súa máis pura raíz, utilizando o folclore como a seu principal mecanismo de expresión.
Ficha técnica
DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración, cun elenco artístico de 8 bailadores/as en gran formato e 4 en mediano. As escenas desenvólvense ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva Bóveda. Todo isto atópase dentro dun marco escénico e vestiario ideado por Carlos Alonso Alonso xunto cun deseño de iluminación de Fidel Vázquez Díaz. A fisicalidade e a estética contemporánea, dentro do baile e a música tradicional galega, preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.



