'De conxuros e música' | Obradoiro musical

Escoitas a tormenta ao fondo? e o chío dun paxaro? Alguén está preparando unha apócema mentres soa a frauta traveseira. De conxuros e música é un obradoiro musical no que a cativada participa activamente dun concerto a través dunha experiencia interactiva chea de meigallos e cancións.

Esta proposta lúdico-didáctica baséase no clásico Queda sitio na vasoira? de Julia Donaldson para crear unha narrativa chea de momentos máxicos e música ao vivo. Unha bruxa viaxa na súa vasoira ao carón do seu gato pero, nun momento dado, o lazo que suxeita as súas trenzas cae entre as silveiras. Aí comeza unha peripecia na que acabarán envoltas unha paxara, unha rá, un can e un dragón viaxando por terra, mar e, sobre todo, aire. Unha aventura fascinante na que ningún neno nin nena quedará calada ou sentada.

Aprendizaxe musical dende a infancia

Esta actividade, que desenvolve Arkhé Espazo Educativo, ciméntase na Teoría de Aprendizaxe Musical (MTL polas súas siglas en inglés), que está baseada no principio segundo o que a música pode aprenderse a través de procesos similares aos da fala. Así, favorécese o desenvolvemento das aptitudes musicais de cada crianza segundo as súas propias potencialidades, modalidades e, sobre todo, os seus propios tempos.

As experiencias musicais nos primeiros anos da infancia son cruciais para establecer as bases dunha sensibilidade musical de por vida. A variedade e riqueza de modos e métricas, cancións, patróns rítmicos e tonais nun entorno lúdico que abra a porta á creatividade e acompañados da súa figura de apego son os pilares sobre os que as crianzas construirán o seu propio universo sonoro.

 
En familia
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas