#CULTURALIKE2: A cultura científica que triunfa en internet | Sígueo en liña

Nun tempo no que o noso consumo de información e cultura vese fondamente afectado pola permanencia nos domicilios, a divulgación cultural nas redes gaña aínda máis importancia. Internet e todas as plataformas sociais en liña supoñen poderosas fiestras ao mundo que están a encherse de profesionais das diferentes ciencias e disciplinas, axudando á poboación a comprender de maneira máis profunda cuestións culturais ou científicas.

Como parte da nosa equipaxe cultural, debemos coidar dun xeito especial o coñecemento científico. A ciencia ofrece progreso e melloras na vida do ser humano, mais ás veces resulta unha linguaxe descoñecida para moita xente. Por iso, nesta segunda edición de CulturaLike profundaremos na cultura científica con dous modelos de éxito da divulgación da ciencia: Deborah García Bello e Quantum Fracture.

Os dous coñecidos divulgadores, en conversa con Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista, falarán de como enfocar a divulgación científica e como lograr que a ciencia pura sexa divertida e poida enganchar a unha audiencia xeral de millóns de persoas interesadas en comprender mellor como funciona o universo. Darán conta da súa maneira de traballar para que os participantes nesta xornada poidan coñecer como se fai divulgación dende dentro e aprender con eles a divulgar contidos nas diferentes canles.

Aemais, como parte da programación do Gaiás para festexar o Día Internacional dos Museos 2020, o #CulturaLike2 proponse facilitar a inclusión de públicos amplos grazas ao seu formato online, diversificando os contidos do museo cara ao campo da cultura científica.

QUEN VAI PARTICIPAR?  

DÉBORAH GARCÍA BELLO. Química e divulgadora

Copresentadora do programa de divulgación científica Órbita Laika (TVE), colaboradora de Galicia por Diante (Radio Galega) e autora científica da Editorial Planeta, onde vén de publicar No tocar. Ciencia contra la desinformación en la pandemia de COVID-19 (Paidós). É unha divulgadora activa en todas as plataformas, con máis de 100.000 seguidores entre YouTube, Twitter e Instagram. Foi Premio Tesla de divulgación en 2016 e premio Jot Down Ciencia en 2017. Dirixe dende 2016 as xornadas «Ciencia y Arte» coa Universidad del País Vasco e o Museo Guggenheim. As súas brillantes e afiadas charlas científicas están entre as máis demandadas do actual panorama español.

https://twitter.com/deborahciencia

 

QUANTUM FRACTURE (Crespo). Físico e divulgador

É posible acadar grande sona falando de física cuántica? Con máis de dous millóns de seguidores na súa canle de YouTube e medio millón máis nas diferentes redes sociais, o traballo de Crespo revolucionou as redes, demostrando que se pode cativar a millóns de persoas falando de ciencia. Colabora con institucións como o CSIC, o Instituto de Física Teórica ou o CERN.

https://www.youtube.com/user/QuantumFracture  

 
 

EL BARROQUISTA (Miguel Ángel Cajigal). Historiador da arte e divulgador

Especializado en arte, museos e patrimonio cultural, conta con máis de 60.000 seguidores en Twitter e outros 15.000 nas restantes plataformas. Dirixe o Máster de Educación en Museos y Espacios Culturales da Universidad Miguel de Cervantes (Valladolid) e imparte clases e conferencias sobre divulgación cultural nas redes para institucións coma a Universidad de Málaga, o Museo de Almería ou o Consello da Cultura Galega. Colabora como divulgador cultural no programa Galicia por Diante da Radio Galega e forma parte do servizo educativo da Cidade da Cultura de Galicia.

https://twitter.com/elbarroquista

 

 

PROGRAMA

Poderás seguir o encontro en directo e de balde, a través de streaming o mércores 20 de maio, tanto nesta mesma páxina como na nosa canle de youtube.

17:00 - Conversa con Deborah García Bello: Como axudar a entender a ciencia?

17:45 - Conversa con Quantum Fracture: Aprendemos a contar a ciencia para todos os públicos.

18:30 - Charla a tres con preguntas do público formuladas a través das redes.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada