Cruzamentos | Camiño Escena Norte 2021

Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia onde, no marco da súa programación de teatro e danza, realiza as residencias artísticas de Cruzamentos, dentro da ampla oferta de accións paralelas de estadías, mediación cultural e encontros profesionais e coas compañías participantes.

O Museo Centro Gaiás será unha das sedes destas residencias artísticas e entre o 3 e o 5 de setembro acolle ás compañías Babirusa Danza (Cantabria) e Licenciada Sotelo (Galicia) para un intercambio artístico, escénico e profesional que terá a súa continuación días despois no Auditorio Municipal de Negreira. Ao tempo, as galegas Ibuprofeno Teatro, Caramuxo Teatro e Pedras de Cartón están convidadas a participar noutras estancias en Asturias e País Vasco.

Babirusa Danza & Licenciada Sotelo

Nesta estancia creativa, os directores de Babirusa Danza, Beatriz Palenzuela e Rafael de la Lastra desprázanse a Galicia para ofrecer unha ollada externa sobre o novo trabajo coreográfico de Licenciada Sotelo Mortais e vulnerables, na que ademais se aproveitará para realizar unha residencia técnica na que se realice o deseño da iluminación da man de Baltasar Patiño.

Mortais e vulnerables é un solo de danza co-producido por Licenciada Sotelo e o espazo de creación A Casa Vella, que xorde do desexo de encontro, da vontade de continuar indagando na práctica da creación colectiva. Preséntase como un traballo de exposición dun corpo ás olladas de diferentes coreógrafas que acompañan o proceso de creación, un corpo vulnerable; fráxil ante as miradas que o fortalecen e a través das cales se constrúe. 

Cruzamentos & Camiño Escena Norte

Cruzamentos é unha rede de estancias de intercambio entre Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi. Esta nova iniciativa establece un tecido de espazos cómplices ao longo das catro comunidades autónomas participantes no proxecto, sete sedes que posibilitan unha urdime de estancias profesionais que pretenden conectar o traballo de creadores e creadoras e compañías dos catro territorios, nos eidos da creación, a investigación escénica, formación, coprodución e en xeral do intercambio profesional no marco deste novo territorio común creado a partir do proxecto.

No marco do Camiño Escena Norte, entre o 12 de setembro e o 10 de outubro terán lugar, baixo o lema Volver camiñar, nove funcións en diferentes localidades do Camiño do Norte: Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado e Vilalba.