Cornbread, o primeiro grafiteiro do mundo | 60 anos de historia do Graffiti

No marco da celebración do 60 aniversario do nacemento do graffiti contemporáneo, un movemento que transformou a expresión artística e que segue sendo unha influencia fundamental na arte e na cultura urbanas a nivel mundial, a Cidade da Cultura programa unha conferencia con Cornbread, considerado o primeiro grafiteiro do mundo.

Será o mércores 5 de febreiro ás 17:00 horas no Auditorio 1 do Edificio CINC, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. Con esta conferencia no Gaiás, inicia unha xira que o levará por centros culturais de toda Europa.

Cornbread (Darryl A. McCray, Filadelfia 1953) é un artista mundialmente coñecido por ser un dos precursores do movemento artístico do graffiti e da arte urbana modernas. A súa característica sinatura deu orixe, a finais da década dos 60 do pasado século, a un movemento que se expandiu de Filadelfia a Nova York e de aí ao resto de Europa e do mundo.

Durante a súa charla na Cidade da Cultura, estará acompañado por Seor (Beatriz López), autora do primeiro graffiti feito en Galicia en 1984; polo comisario e director da galería Canal Gallery de Barcelona, Balu, un dos grandes investigadores do graffiti contemporáneo; e pola xestora cultural e comisaria e tamén investigadora no campo do graffiti, Amabel González Troncoso.

Coñecer a historia persoal de Cornbread permite comprender mellor o impacto que tivo na evolución da arte urbana nos Estados Unidos e noutras disciplinas como o movemento Hip Hop. No libro Cornbread the Legend - Graffiti in Philadelphia (1965-1971), editado por Maxitype en 2024 empregando a tipografía coa que o grafiteiro enchía paredes, reúnense recortes de xornais, debuxos, fotografías e entrevistas que axudan a entender a súa influencia e traxectoria.

O primeiro ‘tag’ no mundo do graffiti

Darryl McCray adoptou o alcume Cornbread na adolescencia, pola nostalxia do pan de millo que lle facía a súa avoa durante o tempo que estivo internado nun centro de menores. Con ese nome pintou primeiro a súa camisa e logo as paredes, marcando, sen sabelo, o inicio do tagging e do graffiti moderno en 1965, forma de expresión urbana que se transformaría nun fenómeno global.

En 1971, o Philadelphia Tribune anunciou por erro a morte de Cornbread. Para demostrar que estaban equivocados, Darryl McCray realizou unha serie de accións épicas, entre elas pintar cun aerosol un elefante no zoo de Filadelfia e un avión da TWA. Isto desencadeou unha gran cantidade de artigos, entrevistas e citas, que catapultaron á fama pública a unha figura que ata ese momento permanecera anónima.

Na actualidade, Cornbread desenvolve un importante labor como conferenciante, desde o seu regreso en 2010 logo de abandonar a arte nas rúas en 1971, ofrecendo por todo o mundo charlas sobre a súa mocidade como escritor de graffiti e reflexionando sobre a evolución dun movemento que partiu del. O seu legado non só pertence ao ámbito da arte, senón tamén ao da cultura popular, onde a súa historia e a súa creatividade deixaron unha marca imborrable.

 
Letras & Pensamento